Wednesday 22 de May de 2024

Máis de 270 deportistas participan este sábado en Ordes no Campionato Galego de Taekwondo Sub 21 e Cadete


Esta mañá tivo lugar a súa presentación, coa asistencia do alcald e de membros da Federación Galega, do club local Boudsport da asociación comarcal de afeccionados a este deporte

Esta mañá tivo lugar a presentación do Campionato de Taekwondo Sub 21 e Cadete que se disputará durante toda a xornada de mañá sábado, 7 de abril, no pavillón Castelao I de Ordes. Nesta cita, clasificatoria para o Campionato de España, participarán 270 competidores de máis de 30 clubs de toda Galicia. Figuran campións e subcampións nacionais, así como medallistas nacionais e europeos (170 competidores cadetes, 100 competidores sub 21). Para o seu correcto desenvolvemento a organización conta con máis de 60 persoas entre árbitros, persoal médico e voluntariado.

No acto de hoxe, celebrado no salón de plenos do antigo Concello, estiveron presentes José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, e os edís Xosé Manuel Rodríguez e Pablo Vázquez. Todos quixeron acompañar a Cristóbal Boudjenane, presidente do Club Boudsport; Esperanza Meilán, directora do Departamento de arbitraxe de técnica da Federación Galega de Taekwondo e María José Rodríguez, secretaria da Asociación de Taekwondistas da Comarca de Ordes.
O rexedor ordense aproveitou o momento para ofrecerlle a súa colaboración á representante da federación de cara á “organización e posta en marcha de futuras e novas citas deste tipo e de maior categoría no municipio”. Un ofrecemento que Esperanza Meilán agradeceu destacando “o alto nivel que se prevé na competición de mañá”. Unha percepción que coincide plenamente coa de Cristóbal Boudejane, quen predeciu “semifinais e finais moi intensas para poder chegar ao nacional formando parte do equipo da Federación Galega de Taekwondo”. O presidente e principal organizador desta cita tamén agradeceu ao Concello de Ordes “toda a axuda e apoio prestado”.